Sucedáneos

Estes días andamos a voltas coa canonización da mediocre artista Amy Winehouse como mito da música soul . Recordo que a primeira vez que escoitei unha canción súa pensei que se trataba dalgunha das moitas intérpretes de soul dos 50’s e 60’s; cando me enterei de que era “o último berrido” pensei “vaia, pois canta ben, sí, pero isto non deixa de ser unha imitación” . Agora a imitación pasou da música á traxectoria vital, pois deulle ás drogas, subiuse ós escenarios flipada e finalmente morreu nova, como Janis Joplin, por poñer outro exemplo feminino . Agora ben, comparar a esta muller con calquera das grandes intérpretes do soul ou tan sequera con Janis Joplin, home … non me fagades rir .

Esta Amy foi un producto coidadosamente fabricado e promocionado pola industria discográfica, que agora se frota as mans pensando en sacar o seu disco póstumo, que por suposto se venderá como churros, porque a chusma vive na Caverna, e chegamos ó punto en que prefire as copias e os sucedáneos ós orixinais . Por outra banda, a incultura das novas mandas de oíntes é tal que non alcanzan a ver que continuamente lles están facturando refritos de grandes éxitos do pasado . Pero , por suposto, todo isto non son máis que prédicas no deserto dun repunante, así que veña : descanse en paz Amy Winehouse, a maior artista que viron os séculos !!

Deixar un comentario

Arquivado en Sen clasificar

De pura raza

Seguindo o esperpento nacional a través da prensa atopo a noticia de que algúns iluminados salvapatrias, neste caso da patria vasca, manifestaron estes días o seu desacordo con que a Volta Ciclista a España pase por Euskadi/País Vasco na súa próxima edición . Este desprezo resúmese cunha frase que se non foran tan fanáticos se gardarían de pronunciar, pois en si mesma pon de manifesto unha realidade evidente, que pode ser máis ou menos molesta según para quen:
“”no es casualidad que la prueba ciclista más importante del Estado español transite por Euskal Herria”” .

Para axudar a estes gloriosos gudaris voulles facilitar unha lista de traidores (maquetos ou txakurras para eles), que nunha hipotética República Socialista Independente de Euskadi imaxino que deberían ser “depurados”:

  • Marino Lejarreta Arrizabalaga (nacido en Bérriz, Vizcaya, España): Peligroso colaboracionista, habitual da Volta a España e gañador da mesma no 1982 .
  • Julián Gorospe: Famoso vendido que participou na Volta a España durante anos .
  • Joseba Beloki Dorronsoro (nacido en Lazcano, Guipúzcoa (País Vasco, España) : Outro vendido, non só a España senón tamén ós franceses .
  • Aitor González Jiménez (nacido en Zumárraga, Guipúzcoa, País Vasco, España) : Gañou a Volta a España no 2002, en lugar de negarse a participar ou facelo cunha camiseta coas fotos dos presos etarras (perdón, mártires da heroica causa), como era o seu deber de patriota.
  • Igor González de Galdeano (nacido en Vitoria, Álava, España) : Igualico, igualico …

E podería seguir así todo o día, con Abraham Olano, Mikel Zarrabeitia, etc, etc … pero que fagan algo de esforzo os do futuro Comité de Pureza Eúskaro.

Deixar un comentario

Arquivado en Sen clasificar

Flotando fóra do mundo

Levo tempo sen escribir no blog, máis que nada porque o mundo me parece xa tan absurdo e as maldades e estupideces tan evidentes que non paga a pena facer comentarios . Se cadra o único que pode facer un é encaramarse un pouco máis arriba na súa torre de marfil e adicarse a batallas estériles e imposibles, que din que son as máis fermosas (tururú …) .

Unha desas batallas perdidas é a que teño contra os mercachifles, falsarios e embaucadores de todo calibre que se fan ricos a base de camelar á chusma . O último neste sentido son os “flotarios”, así como soa . O truco consiste en sumerxirse nunha bañeira chea de auga a 36º con moitísimo sal que se atopa dentro dunha habitación escura e illada acústicamente, de xeito que o incauto de turno queda flotando en suspensión (“como en el Mar Muerto …”) totalmente a escuras . Así, din os timadores, o cerebro, privado de todo estímulo externo, comeza a crear os seus propios estímulos, levándonos en última instancia a unha “viaxe astral” (jajajjajaj) . Tras a viaxe de marras e tras pasar por caixa,  claro, o incauto sae supostamente descansado (“como si durmiese ocho o más horas”) , e non só fortalecido e rexuvenecido, senón que ata lle mellora o carácter . Iso sí, dado que a auga está a reventar de sal recomendan non introducirse no flotario a quen sufra de hemorroides .

!Deus dea parvos a quén desplumar!

 

1 comentario

Arquivado en Sen clasificar

O novo opio

Antes dicíase que a relixión era o opio do pobo . Xa vai sendo hora de rectificar esta frase, cando menos se falamos do pobo con conexión a Internet . O novo opio do pobo son as chuminadas globais, ou sexa, todo tipo de sucesos intrascendentes que ocupan gran parte do tempo de cidadáns comúns que deberan estar traballando ou facendo algo productivo para a sociedade ou cando menos para sí mesmos . Levo xa tempo reparando , cando leo os diarios dixitais, en que as novas máis lidas adoitan ser as máis insubstanciais . A modo de exemplo, collamos a lista das dez máis lidas hoxe en elmundo.es :

1.  El tanga censurado de Natalie Portman
2.  Los ‘liquidadores’ ‘esperan morir’
3.  ‘Mis hijos nunca serán gays. Los he educado bien’
4.  El ‘striptease’ medieval de Portman
5.  Matan a golpes a un vigilante en Catelldefels
6.  ‘Viva Cristo Rey’ en la función de ‘Gang Bang’
7.  Nadal llega puntual a su cita con Federer en Miami
8.  Encuentran a la cobra desaparecida del Bronx
9.  Una casa salta a fama por parecerse a Hitler
10. La directora del colegio de monjas era drogadicta

¿Ven algún tema de interés xeral nesta lista? ¿algunha explicación veraz do que está a pasar en Libia? ¿algo sobre os recentes avances na loita contra as enfermidades que matan a millóns de “negritos”? . Pois non se estranen: o pobo quere merda, pois toma merda . Iso de pensar e tentar entender o mundo que nos rodea é unha cousa pasada de moda, manías dos antigos gregos e outros vexestorios semellantes . Nós ó noso, a chuminada global!!!

Recoméndolles encarecidamente que deixen de ler a prensa e se adiquen a ler o Apocalipsis; é moito máis divertido e daralles información máis fiable do que nos espera .

Deixar un comentario

Arquivado en Xeral

Os libertarios totalitarios

Vexo nas novas do telediario que unha recua de feministas – demócratas – liberadoras irrumpiron nun acto relixioso na capela da universidade Complutense para unha vez alí poñer a parir ó Papa e, xa que estaban, ensinar as tetas para molestar aínda máis se cabe ós que estaban na misa . Por unha vez teño que defender ós católicos, sen que sirva de precedente 😀  . Se me da medo e me reventa que Benedicto ou os seus empregados pretendan impoñerme a súa visión do mundo moito máis me dan estes elementos libertadores e “anti-fascistas” . Non teño a menor dúbida de que vivir baixo a dominación destes demócratas sería mil veces peor que estar no mellor/peor momento do franquismo e o seu nacional-catolicismo . Que San Xacobo (Rousseau) nos libere destes liberadores!!!

1 comentario

Arquivado en Sen clasificar

Homo sapiens … pero menos

Atención á escena: australopitecos diante da porta dun bar chupando duns rolos de papel ardendo que comunmente se coñecen como “cigarrillos” . O repunante camiña pola acera e cando chega á altura dos homínidos un deles tira o cigarro ó chan, na acera . Un segundo homínido, máis evolucionado, todo hai que dicilo, faille ver que ten un cinceiro xusto a carón da porta, e entón o primeiro emite este rebuzno antolóxico: “¿que pasa, que limpas ti a acera?” . Ahí o tedes, o macho camacho na súa perfecta expresión, o maleducado, o túzaro, o arquetipo do animal con roupa . Nese intre concluín que non somos todos iguais, non señor, eu desde logo non teño nada que ver con esa subespecie para a que as palabras civismo, ben público, sociedade e outras similares non significan nada . Así que recoñezo o meu elitismo:  non quero ter nada que ver con esa xente, e se puidera mandalos a unha reserva nas Molucas faríao encantado .

Deixar un comentario

Arquivado en Xeral

Auri sacra fames

Vou falar dun tema que non adoita aparecer en grandes titulares; eu lino como parte dunha noticia sobre a familia Gadafi, que estes días está de triste  actualidade . Neste caso concreto falábase de que un dos fillos deste elemento contratou no seu día á artista Mariah Carey para que lle cantase catro cancións no seu cumpleanos polo módico precio de millón e pico de dólares . O interesante é que non se trata dun caso excepcional, senón bastante común, o de que famosos artistas actúen en festas privadas de sátrapas e dictadores de todo tipo , a cambio dunha boa cantidade de diñeiro, e aquí poucos se salvan, eh : Beyoncé, Shakira  e tantos outros hoxe en día, e indo atrás no tempo xente como Sinatra ou Elvis Presley . Posiblemente eses mesmos individuos saian simultáneamente nalgunha campaña solidaria e bondadosa, sen ningún rubor . Paréceme moi significativa esta doblez moral dos ídolos de masas, pois representa por unha parte o espírito dos tempos e por outra parte unha paradoxa, ó ver que todo o mundo baila ó son que lle tocan, incluso aqueles que aparentemente están na cúspide do mundo, entendido sempre segundo os valores da sociedade comercial e capitalista .

1 comentario

Arquivado en Xeral