Arquivos mensuais: Setembro 2011

Analfabrutos

Hoxe acabo de descubrir algo, gracias á profunda preparación dun periodista . Mellor dito, de dous, pois é a segunda vez nesta semana que leo na prensa “una mujer en cinta” . Vaia! eu sabía de mulleres fatais, mulleres de bandeira … pero esto da muller “en cinta” é unha novedade; lendo os dous artigos completos vexo que en ambos casos as mulleres estaban embarazadas, en estado, preñadas, polo que, como xa adiviñastes, a única cinta que hai aquí é a enorme cinta de burricie que roda na cabeza destes burricáns que viven de escribir e non saben facer a o cun canuto .

Pois nada, outra barbaridade vai cobrando forza, xunto ó xa canónico “haber”, que está a piques de suplantar definitivamente ó lexítimo “a ver” . Fagamos algúns exercicios simples . Repeat with me :

  • “Eu boto na urna o meu voto”
  • “A ver Maruxa, dime cantos cartos tén que haber na conta”
  • “Perico se cayó porque Manolo se calló en vez de avisarlo”

Ala … vaian practicando, solípedos!!

2 Comentarios

Arquivado en Burricie

Mercachifles

Hoxe toca falar dun paxaro que me resulta especialmente irritante, o escritor e iluminado Paulo Coelho . Parece que o home saca outra novela, na que volve a dar a paliza co seu pseudo-espiritualismo, misticismo e consellos de autoaxuda para pobres de espíritu . O caso é que ó caradura este vaille moi, pero que moi ben co seu discurso de predicador e enganabobos . A cuestión é ¿por qué? ¿cómo pode vender millóns de libros coas súas papanatadas sobre o mestre e o pequeno besbello? . Pois moi sinxelo, home, polo mesmo que a relixión segue sendo o opio do pobo, porque ofrece esperanza, porque di o que a xente quere oír . É moito máis cómodo deixarse conducir que asumir o control da túa vida e as consecuencias das túas decisións; é moito máis cómodo e reconfortante pensar que imos ir ao ceo a tocar a arpa que afrontar o feito de que nos imos convertir en comida para vermes e ahí se acaba o noso tempo . Por todo isto, dado o crecente desamparo material e o decrecente nivel cultural da chusma, auguro un futuro esplendoroso a todos os Paulos Coelho e a todas as organizacións relixiosas deste mundo decadente . Mentras tanto, uns poucos rebellos seguiremos protestando, que é o que nos queda .

Deixar un comentario

Arquivado en Sen clasificar

Bestas

Vexo hoxe na prensa unha foto que me entristece moito, moito . A noticia é que en Filipinas capturaron un cocodrilo mariño de seis metros de longo e unha tonelada de peso; suceso espectacular e que por tanto aparece nestas latitudes nas que se ve que non hai nada máis importante do que falar (ou sí, e por iso non se conta) . O caso é que vexo a foto da “besta” xa capturada e amarrada enriba dun carro, arrodeado de unha multitude satisfeita; coméntase que non o van matar, senón que o levarán a un parque para que sirva de atracción; que fin máis degradante para o pobre animal . Esa foto é para min un símbolo de como o ser humano, incapaz de amar a natureza, de admirala e respetala, se adica a estragala e a empregala para o seu disfrute e diversión .

Para min as bestas son os que están arredor dese animal, chusma destructiva e rapaz, a enfermidade deste planeta, os homes .

5 Comentarios

Arquivado en Sen clasificar