Arquivos mensuais: Xuño 2010

Os folións

Sempre pensei que era medio animal . Seguro que moitos que me coñecen estarán de acordo con esta afirmación, pero no sentido equivocado . O que quero dicir é que me sinto moi próximo á natureza e a certos instintos primarios . Isto ponse de manifesto especialmente a noite na que celebramos o solsticio de verán . Resulta irónico que todos coñezamos por un apelativo relixioso a festa mais pagana e primitiva que temos; a única, co Antroido, autenticamente popular e non instigada ou promovida por ningunha institución, sexa civil ou eclesiástica .

Esa noite a leve pátina de civilización que temos enriba faise mais fina ca nunca, polo menos no meu caso, e os instintos mandan . O meu San Xoán ideal sería na fraga mais remota, arredor dunha fogueira, espido e rodeado de mulleres fermosas en traxe de Eva, con bebida e comida, unha total desorde dos sentidos . Como iso non é viable, sobre todo no referente ás mulleres, tódolos anos me procuro un momento de intimidade xunto ó lume, para quedarme extasiado contemplando as chamas, sen pensar, só sentindo, sentindo a calor, o aire, a terra .  En certa forma saio do meu corpo e me contemplo desde fora, insertado no mundo, minúsculo e inmenso ó mesmo tempo .

A pesar de que sempre vou dar unha volta para ver os folións e as festas que se montan, sintoo como algo estrano e lonxano, e a última hora acabo só nun rincón da casa, espido e saltando por riba dun pequeno lume improvisado, sentíndome animal, sen pensamentos,  feito só olfato, tacto e vista  .

Deixar un comentario

Arquivado en Sen clasificar

De colores

Nun país determinado, hai moito tempo, houbo unha guerra civil . Azuis contra bermellos . Tanto na zona azul como na bermella adícanse a perseguir, asasinar e torturar a calquera da cor contraria (incluso da propia)  que atopen .  O normal nestes casos .

Tras tres anos de guerra,  gañan os azuis . Acto seguido adícanse a machacar ós poucos bermellos que quedaron desperdigados .  Normal tamén.

Durante os seguintes anos os azuis, porque poden, ensalzan, glorifican e consagran a memoria dos azuis mortos antes e durante a guerra .  Normal.

Despois de corenta anos, os azuis perden o poder absoluto que tiñan . Os descendentes dos bermellos, porque poden, ensalzan, glorifican e consagran a memoria dos bermellos mortos antes e durante a guerra .  Normal.

Así de simple é o conto . ¿Realmente resulta tan difícil de entender?

Deixar un comentario

Arquivado en Xeral

Instinto básico

O outro día estiven nunha discoteca . Quero dicir nunha discoteca en estado puro, ou sexa, ás cinco da mañán e chea de xente . Houbo unha época na que para min era normal esa situación, pero hai xa moitos anos diso . Nos meus anos mozos, seguindo os usos sociais do momento, ía tódolos Sábados á discoteca, e ás cinco da mañá indefectiblemente estaba xa medio prea, o cal me impedía facer unha valoración obxectiva da situación; de feito non tiña ningunha intención de valorar nada que non fosen as diversas protuberancias das féminas presentes na disco de turno, e para o caso o alcohol e as urxencias fisiolóxicas distorsionaban a miña apreciación da calidade e beleza das formas e rostros das rapazas.

Daquela eu creía que sería fantástico que fosemos capaces de saír de noite sen beber unha gota de alcohol, pero agora comprobo que estaba equivocado . É imposible aturar nunha discoteca se non estás mamado, polo que daquela escollimos a mellor opción, sen dúbida . Isto comprobeino o outro día sobradamente . Visto cos meus ollos de abstemio, o espectáculo que alí se representaba só tiña interese para os naturalistas, xa que como acto social resulta patético . O que alí vin foi unha chea de xente reducida á condición de primates; salvo polas roupas e os perfumes, podía tratarse dun documental sobre as conductas dos chimpancés, elas meneando o cu para despertar o interés dos machos, e eles xesticulando e exhibindo as súas dotes físicas (as intelectuais quedan descartadas, xa que o volume da música impide a comunicación verbal) . Seguir lendo

1 comentario

Arquivado en Xeral