Arquivos mensuais: Maio 2010

Una salus victis, nullam sperare salutem

Aínda non dixera nada da crise, porque unha voz insignificante entre tanto balbordo semella inútil . Pero como xa se me incharon as pelotas ante tanta demagoxia e tanta falta de respeto á nosa intelixencia, boteime a darlle a tecla proclamando a miña dimisión desta realidade . Tan ata as bolas estou que non vou traducir o título desta entrada, o que queira que o busque .

Quérennos facer tontos, obrigándonos a comer media ración mentras os de sempre encargan mariscadas e putas pagadas . A democracia, se existiu algunha vez, morreu de todo . Isto é unha plutocracia, que vai camiño de dexenerar nunha tiranía pura e dura, tiranía dos cartos, pra entendernos.

Agora ben, tampouco me gusta ver que o que facemos os vermes de a pé non é outra cousa que chorar e esperar “a ver se fan algo” . Moita parte da culpa é nosa por deixalo todo en mans dos políticos, sindicalistas,  empresarios e outros microbios. Esta “crise” non tería o máis mínimo efecto nunha sociedade onde todo o mundo dera o callo e en lugar de unhas poucas macroempresas houbese millóns de microempresas. O certo é que moitos de nós optamos pola comodidade de traballar para outros, no mellor dos casos, ou de non traballar directamente e vivir do conto ou dos subsidios . Así, entregámonos ó capitalismo sen condicións e agora que deciden apretar un pouco máis a cadea piamos, demasiado tarde .

No fondo, isto non é máis que un retorno ás orixes . Nas sociedades primitivas mandaban os máis fortes, e os febles vivían asoballados ou escapando dos primeiros . As sociedades modernas revertiron o proceso natural a través diso que chamamos cobertura social e “igualdade de oportunidades”, entre outras cousas que se ben non acabaron de funcionar de todo sí que permitiron que os recursos chegasen a case todos . Pois ben, semella que imos de volta para o Paleolítico, o que teña o pao manda e os demáis a baixa-la cabeza e facer o que lles digan.

E qué facer? pois espabilar … e facer caso ós clásicos, coma sempre .

O mundo está perdido.

P.D: Coma xa desfoguei, vouno aclarar: o título da entrada remite a un verso da Eneida, que significa “A única salvación para os vencidos é non esperar salvación algunha”, ou sexa, mover o cú, ou como diría o meu amigo David, non “esperar por zapatos de morto”

Advertisements

3 Comentarios

Arquivado en Xeral

Hai que viaxar

Sempre vou á piscina pola mesma ruta, o que fai que nin me fixe na maioría das cousas que atopo polo camiño, polo menos conscientemente . Isto da diferencia entre mirar e ver sempre me deu que pensar; por exemplo, nos gusta adornar a nosa casa con cousas fermosas e ó pouco tempo non reparamos en que están ahí , co cal … ¿daría igual que non as puxésemos ou ben as percibimos de xeito inconsciente e iso inflúe positivamente no noso ánimo? .

Pero estoume indo pola tanxente; o que quería comentar é unha pintada que sempre me atopo no camiño e na que non reparo, ata que onte volvín a pararme un momento a pensar no que alí pon, que é isto: “Se o castelán é a luz do mundo, eu prefiro vivir no escuro” . Imaxino que despois desta excrecencia mental o individuo pegou un aturuxo e foise cantando rúa arriba o himno galego en versión reintegracionista, mentras se tocaba satisfeito os seus collóns, irritados polo enxebre e galaico calzón de liño basto que sen dúbida portará tan afouto patriota . Hai que ser ignorante e zoquete; nen sequera malintencionado ou sectario, simplemente ignorante . Houbo unha época, na miña adolescencia, na que devorei todo canto libro en galego caía nas miñas mans, descubrindo a Dieste, Cabanillas, Pimentel e tantos outros . Entón estaba eu imbuído dun fervor patriótico que me facía pensar que o galego era o idioma máis fermoso do mundo e Galicia o mellor país do mundo; toda ista convicción sen saír nunca da miña provincia, claro está . Por sorte, co tempo viaxei e descubrín que non eramos os mellores, desde logo, pero iso non me produciu desencanto; ó contrario, me deu unha perspectiva máis ampla que fai que agora pense que vivimos nunha terra marabillosa e falamos un idioma fermoso, pero esta vez a convicción non é froito da ignorancia, senón que o penso despois de contrastar o noso co de outros, o cal é moito máis tranquilizador .

Só un australopiteco con falta de rego sanguíneo no encéfalo, ou cunha pataca por cerebro, pode renunciar á riqueza de coñecer o maior número de idiomas e culturas posibles . Só espero que este subhumano consiga saír do escuro no que tan irresponsablemente di estar a gusto . O perigoso sería que ademais nos quixese arrastrar a todos a él, así que non nos despistemos con esta tropa . O silencio das maiorías trae malas consecuencias, como xa sabemos .

3 Comentarios

Arquivado en Xeral