Arquivos mensuais: Febreiro 2010

Dexeneración(6)

É famosa a frase de que unha mentira repetida mil veces convértese nunha verdade . Podémolo comprobar día a día na rede, onde as noticias máis peregrinas espállanse rapidamente e son tomadas como verídicas por unha chea de xente que cre que o que sae na rede (antes era na tele) é dogma de fe . Isto non sería demasiado preocupante se só se tratase de feitos falsos de tipo intranscendente; o que xa me parece preocupante é cando afectan a algo tan básico como é a ortografía, que non é máis que un código que todos aceptamos como base para entendernos na escrita . Podería citar moitos exemplos, pero voume quedar cun moi significativo: a confusión entre “haber” (o verbo) e “a ver”; non se trata só de que catro burras pardas que pasaron pola escola como quen oe chover o escriban mal, non; o que asusta e que os “haber que fago hoxe”, “haber que hai de comer”, etc .. comezan a igualar ás formas correctas, e pode que cheguen a superalas . Xa non é a primeira vez que alguén me acusa de escribir mal unha palabra e teño que tirarlle o diccionario á cabeza, para que se de conta da súa metedura de zoca . E tampouco é que unhas pobres xentes que non tiveron acceso á Educación escriban mal, o cal sería totalmente comprensible; non, falo de titulados universitarios, meus amigos, como un que me dicía o outro día que “… sus labores puedan ser llebadas … ” e, no mesmo texto, “… puede ser extrictamente necesario … ” .

Non hai moito tempo ter unha boa letra e non cometer faltas de ortografía era algo do que presumir, e obxecto de admiración . Hoxe o que escribe ben arríscase a ser linchado por unha panda de burdéganos (miren o diccionario, que non queima) ó berro de “haber si escribes bien, ombre!!!”

Delenda est Cartago.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Xeral

Dexeneración(5)

Mándanme hoxe por correo unha “coña” de tantas que andan pola rede . Co escepticismo habitual, dubido entre se borrala directamente ou abrila, pero como a manda un bo amigo paréceme que sería facerlle un feo, e por ese estúpido sentemento de culpa abro o puñeteiro arquivo . A partir de ahí, asombro, indignación e vergonza allea . A coña consiste nunhas fotos con bastante pinta de ser reais duns narcotraficantes colombianos desfacéndose dun cadáver . Hai máis de vinte fotos que amosan con todo detalle o proceso: os tipos chegan a unha especie de val entre picos, onde se atisban uns avoitres dando voltas no ceo; sacan dunha bolsa o cadáver atado de mans e pernas dun home; cun coitelo fanlle varios cortes por todo o corpo, dos que non sae sangue, de ahí a miña afirmación de que se trata dun cadáver; os avoitres descenden e dan boa conta do corpo; os homes acoden a apañar os restos e van
desfacendo coas mans e uns machetes os ósos, o cráneo, o cerebro … para que os avoitres podan acabar con todo . Finalmente marchan por onde viñeron.

O título do correo é “Curso colombiano de desaparición de probas” . Ja ja ja . Qué gracioso . Cómo nos partimos de risa desde a nosa segura e parva comodidade contemplando as maiores aberracións como se fosen unha película . Da igual que sexa este correo ou calquera noticia da guerra do Beluchistán . Todo é espectáculo, e por tanto válido e tolerable . Qué fracaso máis rotundo da Ilustración, de Platón, de Descartes, de Diderot, dos homes que nalgún momento da Historia tentaron que estes animais con roupa que somos todos elevasen un pouco a súa condición . Qué desastre . As bestas que matan e as bestas que miran indiferentes ou, aínda peor, divertidas.

O mundo está perdido.

Deixar un comentario

Arquivado en 1

Dexeneración(4)

Os ximnasios son sitios máis interesantes do que parece . Neles podemos ver un microcosmos de especies no que distinguir as que están en recesión e as que se extenden como a mala herba . O repunante estaba onte na ducha despois de facer un pouco de exercicio cando dous bípedos cunha pinta de gañáns impresionantes se puxeron nas duchas adxacentes . Un podía esperar que se puxesen a falar de fútbol ou do último fenómeno televisivo, pero o que fixeron foi soster unha profunda charla sobre a imperiosa necesidade que un deles tiña de depilarse canto antes, e se era mellor facelo a láser, a cera, así ou asá . A conversa derivou posteriormente cara a un reconto dos kilogramos de pesas que levantaran e da conveniencia de traballar tal músculo ou tal outro .  O repunante lembrou entón a máxima de “mens sana in corpore sano”, que tanta sabiduría encerra por combinar a actividade mental coa física, e chegou  á conclusión de que xa moi poucos a aplican nos dous sentidos simultáneamente; desde logo aqueles anacos de carne con ollos non tiñan pinta de facelo.

Elementos como estes están en auxe, e non é para sorprenderse, dadas as referencias que se lle dan á xente . Non cheguei a velos vestidos, pero non creo que fosen distintos do Cristiano Ronaldo saíndo dun adestramento . Os gañáns, guíados polos seus ídolos, parecen clonarse de xeito ininterrumpido nas súas vestimentas, nas súas conversas e na súa total superficialidade . Se puidesemos metelos nunha centrifugadora evolutiva, sairían co espacio do cráneo convertido nun depósito para levar a bebida isotónica e o fixador de pelo.

Ó fío desto, leo na prensa que certa axencia americana quere fichar ao tenista Fernando Verdasco para convertelo nun “icono mundial”; sospeito que non se refiren a poñelo como modelo de comportamento ou como líder de opinión política; para o que o queren realmente daría igual que non tivese cerebro, xa que o cerebro non sae nas fotos . Por suposto refírense a convertelo nunha imaxe a imitar polos dous bistecs de antes e os seus homólogos, e en última instancia acabará vendéndonos todo tipo de artículos “imprescindibles” desde as páxinas das revistas, ó tempo que acelera o caudal de secrecións vaxinais de milleiros de adolescentes . Estes tipos son moi hábiles creando e destruíndo productos de consumo para a chusma.

Sí, cada día me divirto máis observando á fauna dos ximnasios . O mundo está perdido .

1 comentario

Arquivado en 1

Dexeneración (3)

Outro efecto da dexeneración é a progresiva disminución da capacidade das persoas para facer uso do seu raciocinio e interpretar as normas no canto de tomalas como inquebrantables sexa cal sexa a circunstancia . Isto vouno ilustrar cunha lamentable situación da que fun víctima onte:

Estaba eu no ximnasio cando me decatei de que perdera a chave do rocho onde tiña TODAS as miñas cousas . Despois de estar un bo rato buscándoa polo chan dinme por vencido; hai que engadir que a chave non tiña a pulseira co número que é de rigor e que permite poñela no pulso (para non perdela!!) e de paso saber cal é o teu rocho, cousa bastante útil . O caso é que fun a falar coa rapaza da recepción para que me abrise o rocho, pero non estaba moi pola labor; ó contrario, de malos modos díxome que ela non podía facer nada, que A LEI lle impide abrir rocho ningún, e que xa tiveran problemas con ese tema . Quedeime de pedra, pero con educación expliqueille que se non me abría tería que durmir na rúa, non podería coller o meu coche … en fin, que estaba fodido . Ela non me fixo caso ata que dixen que ía chamar á Policía a ver se abríamos o rocho ou non; daquela entrou algo en razón e concedeume a gracia de que ás once e media (eran as oito naquel momento), cando marchara todo o mundo, abrirían o rocho rompendo a pechadura , dado que, oh sorpresa, non teñen copia das chaves, non vaia ser que os denuncien . Finalmente volvín ó ximnasio a seguir buscando e a maldita chave apareceu no rincón menos pensado, debaixo dunha máquina desas de correr no sitio.

O que me ensina este episodio é que esta muller, como moita xente, está pensando máis en “non me quero meter en líos” que en “cómo podo axudar a esta persoa” . Tamén me recorda que o sentido común está desaparecendo, porque é de sentido común que un paisano ó que lle quedou o rocho pechado,  que me di exactamente o que hai dentro do rocho (DNI incluído!!!)  , que non ten outra roupa que unha camiseta e un pantalón de deporte, que vai tódalas semanas ao meu ximnasio e estou ata o cu de velo por alí, non vai inventar toda esa historia só para meter os fociños no rocho de outro  .

Con todo, non toda a culpa é da muller esta . Falemos de responsabilidade, unha palabra en desuso: eu teño a miña, por suposto, por perder a chave . O dono do ximnasio a súa, por non ter as chaves en condicións, coa súa pulseira e o seu numeriño . E, por último, todos os que admiten a trámite denuncias estúpidas como a que podía facer algún imbécil por “atentar contra a súa intimidade” se eu me equivocase ó lembrar o número do rocho e lle abrisemos o seu . Así, a xente deixa de pensar en axudar e pasa a pensar en cómo non complicarse a vida .

En fin … ! O mundo está perdido …!

1 comentario

Arquivado en Xeral